CRTVG

Buscar

Aumenta a venda de piscinas para vivendas unifamiliares

Publicado o 21/05/2020 14:10

As piscinas particulares están a experimentar nas últimas semanas unha demanda sen parangón. De feito, tras varios meses sen actividade, os vendedores e instaladores vense agora desbordados por un incremento inusitado dos pedidos que en parte pode ser debido ás restricións nas praias. Segundo sinalan, a febre polas piscinas tanto afecta as elevadas como as de obra.

Miguel Ramos, vendedor e instalador de piscinas: "Hai unha demanda brutal de piscinas. Pero como non hai abastecemento suficiente, non se dá feito. Non fan máis ca pedir e pedir. Eu teño un almacén moi grande, pero xa estou case sen nada. Entre recambios e piscinas, xa non damos feito máis."

José García Maside, fabricante e vendedor de piscinas: "Eu creo que agora moita xente ao mellor ve a posibilidade de poñer unha piscina na casa en lugar de ir á praia. Ese pode ser un dos motivos, pero agora estamos máis apurados sobre todo polo atraso no traballo, posto que estivemos parados en marzo e abril. Agora vénnos todo xunto e non se pode facer, e aí está o problema."

Como consecuencia, os tempos de espera alongáronse incluso ata finais de xullo para poder adquirir e instalar unha piscina, aínda que aseguran que se manteñen os prezos.

Miguel Ramos, vendedor e instalador de piscinas: "As de chapa poden saír entre 700 e 4.000 euros. Tocante ás de obra, unha de oito metros pode andar polos 9.000 ou 10.000 euros. E a fibra xa se vai aos 12.000 para arriba."

Ao custo da instalación da piscina hai que engadir o do mantemento, que a longo prazo pode supoñer un desembolso aínda maior.
 

Noticias web

21/05/2020