CRTVG

Buscar

Rexistran a casa do avogado de Puigdemont por branqueo de cartos de Sito Miñanco

Publicado o 21/10/2019 12:07

A xuíz da Audiencia Nacional María Tardón está dirixindo unha operación contra o branqueo de capitais relacionado co delito contra a saúde pública e ordenou o rexistro da casa de Gonzalo Boye, avogado de Carles Puigdemont e do narcotraficante Sito Miñanco.

Fontes próximas á investigación sinalaron a Efe que o rexistro se está practicando no domicilio de Boye en Madrid e que o avogado non está detido.

A operación, que coordina a Fiscalía Antidroga da Audiencia Nacional e que desenvolven axentes da Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta (UDEV) da Policía Nacional, está vinculada á causa xudicializada de José Ramón Prado Bugallo, Sito Miñanco, de 62 anos.

O histórico narcotraficante galego foi detido en febreiro de 2018 xunto a unha vintena de presuntos membros da súa banda acusados dos delitos de tráfico de drogas, branqueo e pertenza a organización criminal de extrema gravidade.

As investigacións apuntaban que Miñanco lideraba unha importante rede de narcotraficantes desde 2016, meses despois de que se lle outorgara a semiliberdade, o que lle permitía durmir diariamente no Centro de Inserción Social (CIS) de Alxeciras (Cádiz). De feito, foi arrestado cando saía dese centro.

Fontes da Audiencia Nacional informaron desta operación, en que se están practicando varios rexistros nunha causa que é secreta.

Boye deixou recentemente a defensa de Sito  Miñanco

O avogado Gonzalo Boye Tusset, coñecido por representar ao ex-presidente catalán Carles  Puigdemont, deixou recentemente a defensa do narcotraficante galego José Ramón Parado Bugallo, Sito Miñanco, en cuxa causa se investiga agora a este letrado por un delito de branqueo procedente do narcotráfico.

Segundo informaron a Efe fontes xurídicas, a operación que se puxo en marcha este luns e na que se procedeu ao rexistro do domicilio e despacho de Boye, enmárcase nunha peza separada da causa pola que Sito Miñanco foi enviado en febreiro de 2018 a prisión por un delito de narcotráfico e que instrúe a xuíz da Audiencia Nacional María Tardón.

Derivado desta investigación, que coordina a Fiscalía Antidroga da Audiencia Nacional, a xuíz acordou abrir unha peza separada estritamente por delitos de branqueo, que se declarou secreta, e na que se investiga a Boye e a outras persoas, polo que se ordenaron distintos rexistros, aínda que non se produciron detencións.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/10/2019