CRTVG

Buscar

Audasa e a DXT negan atascos na AP-9 durante as obras, salvo "retencións puntuais"

Publicado o 11/02/2020 17:11

Técnicos de Audasa, empresa concesionaria da AP-9, e da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) negaron este martes que se producisen atascos nesta autoestrada durante as obras de ampliación da ponte de Rande, salvo as "normais" en períodos de vacacións ou as "puntuais" producidas por accidentes. Así o sinalaron durante a primeira xornada do xuízo que se celebra no Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra contra Audasa, que está acusada pola Fiscalía de prácticas abusivas por manter a cobranza íntegra da peaxe na AP-9 a pesar de ter "completa constancia" de que non podía prestar servizo aos seus usuarios en "perfectas condicións".

O director do Centro de Xestión de Tráfico da DXT no Noroeste explicou que, a través das cámaras instaladas na autoestrada, cinco delas nas inmediacións de Rande, comprobouse que o tráfico foi "maioritariamente fluído" durante os tres anos de obras. Engadiu que ao longo dese período, entre o 27 de febreiro de 2015 e o mes de xuño de 2018, non se rexistraron retencións "destacables", e sinalou que resulta "moi improbable" que non detectasen os 202 incidentes relatados pola Fiscalía.

Este técnico explicou que a DXT detallou oitenta episodios durante as obras e tan só nun deles tiveron que activar os paneis de información da AP-9 ao producirse unha afección "importante" no tráfico, algo que relacionou co incendio na conserveira Fandicosta, ocorrido en Moaña (Pontevedra) en maio de 2016. O responsable da Demarcación de Estradas do Estado en Pontevedra, pola súa banda, desvelou que as medicións realizadas en Rande pola "repercusión mediática" destes atascos concluíron que había episodios de "tráfico lento", pero negou que se producisen retencións "xeneralizadas".

Ante o tribunal tamén declarou o director técnico da empresa que proxectou as obras de Rande, que tamén negou que houbese atascos de maneira habitual e garantiu que a capacidade da autoestrada "non se viu reducida" polos inconvenientes que crearon os traballos. Un responsable técnico de Audasa, por último, subliñou que as obras "non repercutiron significativamente no tráfico", xa que sempre houbo dous carrís abertos por sentido entre as seis da mañá e as dez da noite, aínda que recoñeceu que a compañía "nunca informou os usuarios" sobre as retencións nas pantallas de información da autoestrada.

O xuízo contra Audasa, que continuará durante os dous próximos días, arrincou no medio do malestar da Fiscalía e o resto de acusacións particulares pola decisión do tribunal de permitir que a Avogacía do Estado estea acudida na causa, en representación do Ministerio de Transportes. O titular do Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra destacou, tras desestimar o recurso presentado polo fiscal, que a Avogacía do Estado pode defender "intereses propios" neste procedemento distintos aos dos cidadáns representados pola Fiscalía.

O maxistrado, con todo, engadiu que é "indubidable" que o Estado "se aliña" coa concesionaria da autoestrada fronte aos afectados que denuncian estas cobranzas abusivas na peaxe da AP-9, e  sinalaou que "así se deduce claramente" do seu escrito. "O Ministerio de Transportes está a intervir en defensa da parte demandada", explicou o xuíz de maneira rotunda.

O avogado do Estado, pola súa banda, xustificou a súa presenza nesta causa porque a demanda da Fiscalía, ao seu xuízo, pide que "se modifiquen as circunstancias da explotación da AP-9", o que supoñería alterar as bases da explotación, unha cuestión que afectaría ao Estado. 

 

Noticias web

11/02/2020