CRTVG

Buscar

Atopan un zulo con explosivos en Francia que a policía atribúe á ETA

Publicado o 28/08/2019 19:56
Atopan un zulo con explosivos en Francia que a policía atribúe á ETA

A Xustiza francesa abriu este mércores unha investigación tras o descubrimento dun zulo con material explosivo que a policía sospeita que pertence á banda terrorista ETA.

O zulo foi localizado por un paseante no departamento de Yonne, ao sur de París, e a Fiscalía Nacional Antiterrorista abriu unha investigación por asociación de malfeitores con fins terroristas. As pescudas foron confiadas á Subdirección Antiterrorista da policía francesa, engadiron as fontes sen detallar o tipo nin a cantidade de explosivos atopados.

A canle France 3 apuntou que se trata, a priori, dun agocho antigo, en que había "inscricións en eúscaro". A emisora France Info engadiu que o zulo foi detectado o martes no bosque de Marmeaux e contiña explosivos, cartuchos e detonadores.

A banda deu por finalizado o seu desarmamento ao comunicar o 8 de abril de 2017 ás autoridades francesas unha lista de zulos nos Pireneos Atlánticos, departamento do que forma parte o País Vasco francés, e o máis utilizado pola organización terrorista na súa historia para agochar as súas armas.

A disolución da ETA oficializouse o 3 de maio de 2018, despois de sesenta anos de terrorismo e máis de 850 asasinatos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/08/2019