CRTVG

Buscar

Atopan restos de ouro na policromía dun cruceiro en Pontecesures

Publicado o 18/06/2020 13:50

O cruceiro de Carreiras data de finais do século XVIII. Na cruz están representados, coma en todos, un Cristo nun lado e unha Virxe no outro. Neste caso é a Raíña dos Anxos, patroa do lugar.

Os traballos de restauración que encargou o Concello de Pontecesures para poñer en valor estes elementos do patrimonio artístico deixaron ao descuberto unha característica singular deste cruceiro: había restos de policromía nas imaxes, e o máis peculiar: vestixios de ouro nesa pintura.

A policromía dourada era habitual na arquitectura e escultura eclesiástica polo poder adquisitivo da Igrexa, pero nos cruceiros é inusual, así que a explicación ten que ver co mecenas que doou a cruz.

Arredor da base do cruceiro había unhas xardineiras que se eliminaron. Ao retiralas, os restauradores fixeron outro achado: restos de pavimento enlousado que, probablemente, tamén estará debaixo das capas de formigón que rodean a contorna do cruceiro.

Noticias web

18/06/2020