CRTVG

Buscar

Recuperan o corpo sen vida do pescador desaparecido o martes en Valdoviño

Publicado o 02/07/2020 11:15

Un rescatador de Salvamento Marítimo recuperou o corpo sen vida do pescador asturiano, localizado pouco antes das 11 da mañá aboiando na praia de Baleo, onde o luns caera ao mar.

O operativo de busca puxérase en marcha a mesma mañá do accidente, despois de que o compañeiro que pescaba con el na zona tentara axudalo tirándose el mesmo ao mar e, ao non logralo, dera a alerta aos servizos de emerxencia. 

Tras a xornada de onte, en que a mala visibilidade impediu que os medios aéreos puideran traballar  a pleno rendemento, o dispositivo coordinado por Salvamento Marítimo retomaba a primeira hora as tarefas tanto por mar, coa embarcación Langosteira da Cruz Vermella,  como por terra e aire.

Tamén contaron co apoio do Servizo de Gardacostas de Galicia e cos bombeiros de Ferrol, así como cos efectivos da policía local de Valdoviño. 

Desde o helicóptero avistaron o corpo a uns 50 metros ao surleste de onde caera ao mar, e moi preto da costa, pero nun lugar innaccesible desde terra pola abundancia de rochas. Trátase dunha zona de correntes cambiantes, pero segundo explicaban, a marea puido achegalo á praia.

O falecido adoitaba pescar nesta zona, moi frecuentada por pescadores.