CRTVG

Buscar

Atopan o coche de Fernández Ochoa en Cercedilla

Publicado o 01/09/2019 19:00

• O achado puxo en marcha o dispositivo de busca

• A policía cre que a desaparición é voluntaria



O coche no que foi vista por última vez a ex-esquiadora e medallista olímpica Blanca Fernández Ochoa foi localizado esta mañá en Cercedilla, un concello da serra madrileña. A Policía Nacional fixo pública onte unha alerta na que se informaba da desaparición da deportista de 56 anos, que foi vista por última vez o día 23 de agosto na localidade madrileña de Aravaca, onde estaba pasando uns días coa súa irmá. Segundo o parte policial, viaxaba no seu coche, un Mercedes clase A de cor negra, que no asento do copiloto levaba unha camiseta coa bandeira do Canadá. Segundo fontes do seu círculo, díxolle á súa filla que marchaba uns días a practicar sendeirismo, deporte que realizaba de cando en vez, e que ao mellor facía o camiño de Santiago.

Como non levou o teléfono con ela, a súa filla decidiu denunciar a desaparición hai nove días. Ata hoxe non constan rexistros telefónicos nin pagos con tarxeta de crédito, polo que se está a tratar o caso como de alto risco.


Blanca Fernández Ochoa foi a primeira esquiadora española en conseguir unha medalla olímpica nuns xogos de inverno. Aconteceu na localidade francesa de Albertville en 1992, na modalidade de eslalon. Era a irmá de Francisco Fernández Ochoa, que obtivo o ouro olímpico en 1972 e faleceu en 2006. Blanca Fernández recibiu o Premio Raíña Sofía á mellor deportista nacional en dúas ocasións e en 1994 foille concedida a medalla de ouro ao mérito deportivo. A Policía Nacional carecía de pistas sobre o seu paradoiro ata que esta mañá foi localizado o vehículo.