CRTVG

Buscar

Atopan máis restos humanos na entulleira de Zaldibar

Publicado o 18/08/2020 08:43

Novidades no caso do vertedoiro de Zaldibar. Atoparon máis restos óseos. O Departamento de Seguridade avanzou que se trata de partes dun corpo. As tarefas desenvólvense en dúas liñas: segue o traballo de desentullo e investígase para identificar a quen pertencen os restos.

Os traballos continúan esta mañá con maquinaria máis pequena e mesmo á man para peneirar os entullos e tentar dar cos corpos dos dous desaparecidos. Máis de seis meses transcorreron entre o colapso da entulleira de Zaldibar, en Biscaia, e o indicio de sinais de Xaquín Beltrán e Alberto Sololuze, as dúas vítimas da traxedia.

Os operarios encargados do rastrexo dos corpos atoparon primeiro un resto óseo humano o domingo. Trátase, ao parecer, da tibia dun dos traballadores desaparecidos, que apareceu envolta nunha tea. Haberá que esperar as análises destinadas a ratificar a quen pertence, un proceso que se alongará entre tres días e unha semana, para saber con seguridade de quen son.

O Xulgado de Instrución número un de Durango decretou o pasado 23 de xullo a liberdade provisoria con medidas cautelares para os tres responsables da empresa propietaria da entulleira, que se manteñen en situación de investigados e deben comparecer ante a autoridade xudicial unha vez ao mes.

Noticias web

18/08/2020