CRTVG

Buscar

Asturias pedirá o estado de alarma para poder implantar o toque de queda

Publicado o 23/10/2020 16:41
Asturias pedirá o estado de alarma para poder implantar o toque de queda

O presidente de Asturias, Adrián Barbón, vaille pedir ao Estado que declare o estado de alarma no Principado e poder así implantar o toque de queda.

Barbón súmase a outros dirixentes autonómicos que queren implantar a restrición nocturna no seu territorio, e como xa fixo este venres á mañá o lehendakari Íñigo Urkullu pedirá a declaración do estado de alarma para que iso sexa posible.

Asturias baralla ademais a posibilidade de decretar peches perimetrais en varias localidades da rexión, que este xoves acumulaba unha incidencia de 279 casos por 100.000 habitantes. Xixón, a cidade máis poboada do Principado, sería a primeira na que se ordenaría a prohibición de entradas e saídas.

Ao mesmo tempo, está previsto que o Goberno asturiano decrete un novo endurecemento dos horarios dos peches dos bares e locais de hostalería.

Esta tarde, o Goberno que preside Adrián Barbón avaliará a situación, concello a concello, e despois desa reunión concretará as medidas que van adoptar.