CRTVG

Buscar

Paran os ensaios da vacina de Oxford pola reacción adversa dun voluntario

Publicado o 09/09/2020 20:59

• Bruxelas anuncia un preacordo con Biontech e Pfizer para reservar 200 millóns de doses da vacina anticovid

E mentres o mundo loita contra a pandemia, hai unhas horas chegaba un golpe forte: os ensaios da vacina de Oxford contra a Covid quedaron paralizados.

Durante as probas, un dos voluntarios tivo unha inflamacion da medula espiñal, aínda que non hai constancia aínda de que estea relacionada coa vacina.

A Comisión Europea mercara 30 millóns de doses da vacina. O Goberno español comprou tres millóns de doses e o ministro de Sanidade mesmo puxo data para dispoñer da vacina en España: o mes de decembro.

Todo queda paralizado tras a suspensión dos ensaios. AstraZéneca suspendeunos porque un dos participantes sofre unha enfermidade para a que non teñen explicación. Aseguran que se trata dunha acción rutineira.

Mentres, a vacina rusa está a lograr avais científicos. Unha empresa con sede en Vigo será a encargada de distribuíla en España. Cren que mesmo podería fabricarse en Galicia e exportarse a outros países latinoamericanos ou asiáticos.

Novo acordo con Biontech e Pfizer

A Comisión Europea anunciou este mércores un preacordo coas farmacéuticas Biontech e Pfizer para reservar en nome dos Vintesete un total de 200 millóns de doses da súa potencial vacina contra o coronavirus.

Trátase así de adiantar as bases do marco contractual entre as partes para adquirir inicialmente 200 millóns de doses se se logra a vacina, unha compra que tería lugar en nome dos Estados membros e que podería ampliarse a outros 100 millóns de doses se se demostra que a vacina é segura e efectiva contra a Covid-19.

Noticias web

09/09/2020