CRTVG

Buscar

O Estado será o dono do 16% do maior banco do país tras a fusión de Bankia e Caixabank

Publicado o 18/09/2020 15:43

Caixabank e Bankia presentaron os detalles do acordo de fusión. O Estado vai ter case o 16% do maior banco español.

Queda por concretar os empregos afectados. En Galicia, Bankia ten un cento de traballadores e Caixabank máis de seiscentos.

A visión dos expertos

Con esta fusión vanse pechar oficinas e caixeiros e despediranse traballadores. Algúns expertos cren que isto fará minguar a calidade da atención que nos presta como clientes a entidade bancaria.

Ademais, crese tamén que podería apostarse máis pola banca electrónica e facer que aqueles clientes de toda a vida que prefiren achegarse ata a oficina e facer os trámites de xeito presencial teñan que pagar ou non algún custo engadido. Pero de momento aínda está por determinar. 

Así mesmo, hai expertos que pensan que o feito de que se fusionen dúas entidades fai que se limite a competencia e que nós como consumidores teñamos menos poder para elixir.

Os detalles da fusión

O novo banco vai mover 600.000 millóns de euros en activos e vai valer en bolsa máis de 16.000.

O aforro de custos cífrase en 770 millóns ao ano. Terán que pechar oficinas onde se dupliquen e reducir cadro de persoal. Son máis de 50.000 empregados, case 800 en Galicia.

Gonzalo Gortázar empraza a marzo o axuste do cadro de persoal. O conselleiro delegado de Caixabank di que "é cedo para especular sobre as persoas afectadas e que perfil poidan ter as posibles saídas".

Suman 20 millóns de clientes, que agardan coñecer como lles vai afectar a fusión.

Caixabank controlará o 30% da compañía. Fronte ao 16% do Estado.

No debate, a devolución das axudas públicas recibidas por Bankia. "Desde que se anunciou que estabamos en conversas, o valor de Bankia subiu nun 40%. Esta operación é moi positiva para optimizar a recuperación de axudas", mantén o presidente de Bankia, José Ignacio Goirigolzarri.

Goirigolzarri será o home á fronte do novo banco. Chamarase Caixanbank e terá a sede en Valencia. Agardan que comece a operar no primeiro trimestre do 2021.

Noticias web

18/09/2020