CRTVG

Buscar

Así funciona a aplicación Radar Covid

Publicado o 22/09/2020 15:39

Unha semana despois da súa implantación en Galicia, o Radar Covid comeza a dar os seus primeiros froitos. É unha aplicación que rexistra os nosos contactos estreitos a través do teléfono móbil, e que nos alerta se algún deles dá positivo posteriormente nunha proba PCR. Unha ferramenta para cubrir as lagoas da memoria.

O Radar Covid é, por así dicilo, o noso rastrexador de garda. Levalo connosco como medida de prevención é tan sinxelo como baixar no móbil a app do Ministerio de Transformación Dixital, á que acaba de adherirse Galicia. Hai que ter activado o bluetooth para que a nosa terminal poida rexistrar as persoas coas que esteamos máis dun cuarto de hora sen gardar o distanciamento social. Se algunha delas dese positivo nos seguintes días, o teléfono envíanos unha alerta e indicaríanos que nos puxésemos en contacto coas autoridades sanitarias.

Marcus Fernández, experto en novas tecnoloxías, explica que "o traballo que actualmente fan os rastrexadores que, cando sae un positivo por coronavirus, se poñen a chamar por teléfono aos seus contactos, pois isto o que fai é automatizar ese proceso".

É a tecnoloxía bluetooth do noso smartphone a que permite que se poña en marcha este rastrexo, sempre e cando teñamos activada a aplicación de radar covid e a teñan tamén activa nos seus móbiles as persoas que estean preto de nós.

"En principio, o feito de estar preto dunha persoa non é indicativo de nada, porque o único que miran son distancias. Non saben se a xente tiña a máscara posta, se había unha pantalla de seguridade; ou sexa, que podes dar positivo na aplicación sen que teñas risco real, pero axuda moita a saber con quen estiveches sen ter que fiarte só da propia memoria", engade Marcus.

A información é completamente confidencial, segura, sen ningunha clase de tratamento nin de venda dos datos persoais. Unha aplicación que desenvolveron Google e Apple, que xa temos activa no noso idioma, e que garante a privacidade grazas ao traballo, entre outros, da enxeñeira galega Carmela Troncoso.

Calcúlase que se o radar covid o usa libre e responsablemente o 20% da poboación, os índices da pandemia poderían diminuír nun 30%.

Noticias web

22/09/2020