CRTVG

Buscar

Asasinan un empresario ourensán en México en plena rúa

Publicado o 05/03/2020 20:47

O asasinato aconteceu onte pola tarde en Zapopán, no estado mexicano de Xalisco. Alberto Fornos, de 42 anos, saía dun dos seus hoteis, o Puerta del Sol, e estaba entrando nun vehículo cando un home lle disparou varias veces e fuxiu a pé. O empresario morreu no instante. Era fillo de emigrantes ourensáns; de feito, o seu pai recibiu a noticia da morte na súa casa de Beariz. Arestora permanece en Vigo. Si que puidemos falar cun dos seus tíos.

Alberto Fornos tiña 42 anos. Estudou Xornalismo en Compostela e volveu para México, onde naceu, para facerse cargo dos negocios de seu pai. Matárono a tiros onte diante dun dos seus hoteis no estado de Xalisco.

A familia paterna, que vive en Beariz, agarda que se resolva o crime. Polo momento non hai detidos.

O pai de Alberto emigrou moi novo a México, onde prosperou. Por motivos de saúde, levaba seis meses en Beariz. Aquí recibiu a noticia do asasinato do seu fillo.

A familia agarda que lle fagan a autopsia para poder incineralo.

Alberto Fornos visitara Beariz a última vez no verán do 2018 co seu fillo, que daquela tiña meses de vida.

Noticias web

05/03/2020