CRTVG

Buscar

Asaltan varias igrexas en San Cristovo de Cea e O Carballiño

Publicado o 06/02/2019 14:13

Cento cincuenta euros e algúns obxectos litúrxicos de escaso valor económico é o botín que levaron os ladróns en dúas igrexas de San Cristovo de Cea. Tamén intentaron entrar nunha do Carballiño, pero non o conseguiron. O maior problema, sinala o párroco, son os danos que ocasionan e a profanación de espazos sagrados.

Malia a que está rodeada de casas, ningún veciño escoitou os ladróns que asaltaron a igrexa de San Facundo, en Cea. Foi a sancristá, que visita o cemiterio dúas veces ao día, a primeira en detectar o sucedido. No chan, atopou un papel, cun número de teléfono, que xa está a disposición da Garda Civil.

"Eu cheguei aquí e encontrei unha tarxeta, dun teléfono dun taxista. Non lle botei a man porque estaba mollada, pero mirei a porta da igrexa e vin que estaba aberta. Ai! Roubáronnos, dixen", explica a sancristá, Elisa Aldea.

Unha vez dentro, viu o alcance dos danos. O que máis lle doeu, como a outros veciños e ao propio párroco, foi a profanación do sagrario.

"O sagrario aberto, o lampadario tirado, e, na sancristía, os caixóns abertos, cousas tiradas... Púxenme moi nerviosa. Case non daba falado".

"É normal. Iso é unha cousa que non hai perdón de Deus", engade outra veciña.

Cartos, só levaron os que había no lampadario. Non máis de cincuenta euros. Suponse que son os mesmos que actuaron na ermida de San Bieito do Marañao, tamén en Cea, situada a menos de cinco quilómetros, pero nunha zona illada, sen casas preto. Aquí, os ladróns accederon pola porta da sancristía, usando unha panca.

Levaron uns 100 euros e obxectos litúrxicos de pouco valor.

Segundo o arcipreste do Carballiño, José González: "Adoitan facer moitos estragos. É peor iso que o que levan, porque non hai moito que roubar. Non sabemos moi ben como afrontar este tema".

Na igrexa de San Miguel da Piteira, no Carballiño, situada igualmente nun radio duns cinco quilómetros, tamén intentaron entrar. Non o conseguiron e asañáronse coas vidreiras, que escacharon a pedradas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/02/2019