CRTVG

Buscar

Asaltan unha taxista en Santiago a punta de navalla

Publicado o 21/10/2020 08:43

Eran as 7 e media da mañá cando unha parella montou no seu taxi no hospital Clínico de Santiago. Pedíronlle ir a Lestedo, e a taxista arrincou sen desconfiar, xa que un dos asaltantes ía cunha muleta. Pouco despois sacaron unha navalla e ameazárona. Obrigárona a conducir por pistas. Cando volveron á estrada xeral, a vítima freou o taxi e tirouse do coche en marcha para fuxir.

Jesús García, presidente de Radio Taxi Compostela, explica que a muller "se viu en perigo e cando viu varios coches e un camión detrás, freou o coche e tirouse en marcha".

Foi aí cando se lles perdeu a pista. Dúas horas despois foron detidos, tras intentar roubarlle o coche a outra familia que levaba os nenos ao bus escolar. A taxista foi trasladada ao hospital con lesións leves. O colectivo demanda máis seguridade.

"Por desgraza, é o quinto en dúas semanas e o terceiro con arma branca", di Jesús García, "isto está complicándose moitísimo, estes actos aumentan e cada vez son de máis violencia, hai que poñerlle freo dunha forma ou outra".

Non desbotan instalar cámaras dentro dos taxis, e agardan reunirse coa Policía Local e o concelleiro de Seguridade Cidadá para estudar outras posibles medidas.

Noticias web

21/10/2020