CRTVG

Buscar

Asaltan un chalé da Zapateira aproveitando que a vivenda estaba baleira

Publicado o 27/08/2020 15:18

Os ocupantes ilegais estiveron no punto de mira nos últimos meses no barrio coruñés da Zapateira. Pero hoxe a noticia nesa zona é o roubo nunha vivenda aproveitando a ausencia dos seus propietarios.

Asaltaron o chalé cando sabían que estaba baleiro e desvalixaron as estancias interiores en busca de obxectos de valor. Foi a filla dos donos a que se decatou de que entraran na casa de seus pais, situada no lugar coñecido como As Revoltas no barrio residencial da Zapateira.

O roubo aconteceu hai unha semana e tras a denuncia presentada polos donos, a Policía Nacional está a investigar o acontecido e non descarta ningunha hipótese. Entre elas, que unha banda itinerante poida estar tras o asalto.

Para a asociación de veciños este é un suceso puntual que os veciños desvinculan das ocupacións ilegais dos últimos meses. 

O certo é que a vivenda asaltada está a escasos metros dun dos chalés de luxo que foi ocupado durante o confinamento.


 

Noticias web

27/08/2020