CRTVG

Buscar

Asaltan dúas veces en mes e medio a mesma familia de Boiro

Publicado o 21/01/2020 13:58

O último asalto cometérono o pasado xoves arredor das dez e media da noite. Catro homes con acento estranxeiro, armados e coa cara tapada, introducíronse na vivenda familiar de Abanqueiro, en Boiro, onde residen os pais dun empresario da industria química. Nese momento estaban na casa o matrimonio, el impedido nunha cadeira de rodas, e unha empregada. Os asaltantes amordazaron as dúas mulleres e percorreron a casa na busca de obxectos de valor e cartos. Conseguiron levar xoias e arredor de 12.000 euros en efectivo. Fuxiron rapidamente do lugar sen que ningún veciño se decatara do ocorrido.

Foi a segunda vez en menos de dous meses que esta familia sufría un asalto. Na ocasión anterior foi noutra vivenda deste empresario onde só estaba un dos seus fillos, ao que tamén amordazaron varios homes encapuchados. Daquela, o rapaz foi quen de escapar e pedir axuda. Os asaltantes non conseguiron levar nada, pero fuxiron sen deixar rastro.

A Garda Civil investiga os dous asaltos, que probablemente estean relacionados.

Noticias web

21/01/2020

Máis sobre Boiro