CRTVG

Buscar

Asaltan armados unha vivenda en Vilagarcía e mallan no dono para que lles entregue os cartos

Publicado o 25/02/2020 13:14

Os feitos aconteceron contra as dúas da mañá. Os ocupantes da vivenda estaban a durmir e de súpeto víronse sobresaltados pola irrupción de varios encapuchados, ao parecer, estranxeiros. Non tiveron problema en superar o sistema de seguridade e videovixilancia e en rebentar a porta.

Os asaltantes buscaban cartos e levaban armas, e non dubidaron en empregar a forza e a violencia extrema. Ataron de mans e pés a muller e o home, de 55 anos, e bateron nel sen piedade durante máis dunha hora. Despois da malleira díxolles onde gardaba os cartos. Un total que podería superar os 20.000 euros. Tamén levaron numerosas xoias.

Cando marcharon os ladróns levaron os teléfonos móbilides dos tres para facilitar a súa fuxida, co que as vítimas tiveron que ir pedir axuda a unha casa veciña.

Ata a casa asaltada desprazouse unha patrulla da Policía Nacional e outra da Local. Tamén unha ambulancia, xa que o dono da vivenda tivo que ser evacuado ao hospital do Salnés para recibir asistencia sanitaria como consecuencia da malleira.

Pertence a unha familia de carniceiros, un negocio que combina coa súa afección polos cabalos. De feito, posúe unha gandería cabalar nas inmediacións do seu chalé coa que gañou premios en distintas feiras. Segundo algunhas informacións, os atracadores poderían ser coñecedores de que había pouco que vendera un cabalo.

Sospeitan que os atracadores xa tiñan controlada a vivenda de días anteriores para poder dar o golpe con maior seguridade de éxito.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/02/2020