CRTVG

Buscar

Asaltan a casa dunha anciá impedida no Carballiño e lévanlle 12.000 euros en xoias

Publicado o 25/02/2019 14:18

A Garda Civil investiga un suposto roubo nun piso do centro do Carballiño. A propietaria denunciou que alguén subtraeu xoias por valor de 12.000 euros, pero non hai sinais de forza nos accesos á vivenda.

Segundo figura na denuncia, o roubo cometeuse cando na vivenda, situada no sexto andar, estaba unha anciá de 97 anos, nai da denunciante, que non se decatou do sucedido. Días despois, a propietaria da vivenda revisou os mobles e detectou que lle faltaban xoias por valor de 12.000 euros. Daquela presentou a denuncia ante a Garda Civil. Ao presentarse no lugar, os axentes non atoparon pegadas nin sinais de que se empregase a forza nin na porta nin nas ventás, nin no interior do piso. Os veciños do edificio tampouco tiñan coñecemento do roubo. Hai un ano producíronse roubos noutros andares do inmoble, o que xerou certa preocupación entre os residentes.

A investigación non desbota calquera hipótese, mesmo se sospeita de persoas relacionadas coa denunciante e que tivesen acceso á vivenda. O que si dá por seguro a Garda Civil é que este roubo non ten nada que ver co asalto hai uns días a un chalé, situado tamén no Carballiño, propiedade dun emigrante que denunciou o roubo de xoias e diñeiro, que suman máis de 30.000 euros.

Noticias web

25/02/2019