CRTVG

Buscar

As vodas celtas e os desfiles manterán vivo o Arde Lucus

Publicado o 19/06/2020 17:58
As vodas celtas e os desfiles manterán vivo o Arde Lucus

O Arde Lucus, o festival que cada mes de xuño lembra a cultura romana e castrexa na cidade de Lugo, terá desfiles, vodas celtas e actos en liña para "manter viva a chama" do certame ante as restricións obrigadas pola crise da Covid-19.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, agradeceu a todas as asociacións "o traballo realizado durante todas as edicións" porque compoñen "a alma do Arde Lucus". Así, dado que este ano o Arde Lucus non poderá celebrarse, afrontan este ano como "a antesala do vixésimo aniversario da festa romana", segundo apuntou a rexedora.

Así, confían en conseguir a consideración como Festa de Interese Turístico Internacional que xa solicitaron formalmente.

"Non queriamos deixar de facer algo polo Arde Lucus", comentou a alcaldesa, que quere que Lugo "sexa unha xanela aberta ao exterior para seguir conseguindo ese recoñecemento internacional".

O consistorio lucense pretende que o Arde Lucus "estea presente na cidade a próxima fin de semana" datas elixidas para un festival que a pandemia obrigou a reformular. A alcaldesa lucense tamén lles pediu aos veciños "implicación" e "que se caractericen e engalanen a cidade".

Pola súa banda, a concelleira de Mocidade, Ana González Abelleira, destacou que o obxectivo é "manter a maxia" da festa con actos en liña e nas rúas, onde se respectarán as medidas de seguridade.

Están programadas máis de medio cento de actividades durante a fin de semana que chegarán a "todos" os barrios de Lugo para que "sintan os tambores" por toda a cidade. As vodas celtas manteranse porque a tradición "manda continuar durante sete anos" para que non se efectúen divorcios, segundo explicou Aballeira.

As actividades que requiran a presenza física serán "con cita previa" e con "preferencia para as parellas" que queiran continuar co seu matrimonio celta, afirmo.

"Non haberá grandes masificacións de xente", subliña o Goberno local, que insiste en que todas as actividades programadas "serán adaptadas ás normas sanitarias".

Noticias web

19/06/2020