CRTVG

Buscar

As vítimas do accidente de Angrois esixen un compromiso público do Goberno cunha investigación independente

Publicado o 26/02/2020 17:54

O presidente da Plataforma de Vítimas Alvia 04155, Iñigo Domínguez, esixiu un compromiso público do presidente do Goberno ou do ministro de Transportes de que se vai a realizar unha "investigación independente" do accidente ferroviario que ocorreu en Santiago de Compostela en 2013 e que lles custou a vida de 81 persoas, ademais de provocar feridas a máis de 140.

A plataforma concentrouse este mércores fronte ao Congreso para reivindicar esta investigación. Domínguez explicou en declaracións a Europa Press que desde o gabinete do ministro José Luis Ábalos se lles chamou para propoñer unha reunión, pero que este colectivo esixe antes ese compromiso público. "Entón, xa nos reuniremos e que nos digan o calendario", agregou.

O portavoz insistiu no informe da Axencia Ferroviaria Europea, dependente da Comisión Europea, que considera que "a investigación do ocorrido non foi independente e recomenda a repetición, pero que os sucesivos gobernos ignoraron ", segundo este colectivo de vítimas. "Estamos fartos de tomaduras de pelo que veñen desde Ana Pastor, pasando por Iñigo da Serna e terminando co ministro Ábalos", engadiu o presidente da plataforma, aludindo aos últimos ministros do ramo.

Segundo asegurou, o colectivo non quere máis "promesas falsas" nin anuncios de novos organismos sobre o asunto que ao seu xuízo só serven para "marear a perdiz". "Queremos saber a verdade, que se depuren as responsabilidades: as técnicas con esta comisión de investigación, as políticas máis adiante cunha comisión parlamentaria e as penais no xulgado", concluíu.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/02/2020