CRTVG

Buscar

As variedades autóctonas de trigo Callobre e Caaveiro serán unhas das bases da futura D.O. Pan Galego

Publicado o 27/08/2019 14:51

Unhas das bases da futura denominación de orixe Pan Galego, que defenderá a calidade dos nosos pans no mercado, é a recuperación das variedades autóctonas de trigo do país. Foi posible grazas á colaboración entre os panadeiros e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, onde estes días se está a recoller a semente certificada para a multiplicación destes trigos.

Estas espigas son de trigo Callobre, unha variedade autóctona de Galicia que nas últimas décadas estivo a piques de desaparecer. Desde 1996 a colaboración de panadeiros e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, da Consellería do Medio Rural permitiu a recuperación desta e doutras variedades de trigo galego, fundamentais para poder facer pan galego de calidade:

Este traballo permitiu a inscrición das variedades Callobre e Caaveiro no Rexistro de Variedades Vexetais do Ministerio de Agricultura, paso obrigado para a súa comercialización con garantías. As 20 hectáreas que están a coller agora servirán como semente base para que os agricultores poidan dispoñer de trigos autóctonos certificados no mercado.

Cada vez hai máis interese polo seu cultivo, xa que polo seu sabor e textura estes trigos son imprescindibles para a elaboración do pan tradicional galego.

A futura posta en marcha da Indicación Xeográfica Pan Galicia permitirá garantir a calidade e a sona do auténtico pan de Galicia no mercado.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/08/2019