CRTVG

Buscar

As últimas enquisas prognostican un empate técnico entre o bloque da esquerda e o da dereita

Publicado o 04/11/2019 16:34

Hoxe é o último día en que se poden publicar enquisas electorais, e así o fixeron varios xornais. Estes prognósticos apuntan de novo a unha situación complexa tras os comicios, sen maioría absoluta nin para o bloque da dereita nin para o da esquerda, cun PSOE estancado e Vox en clara tendencia á alza.

O bloque de dereitas formado polo PP, Ciudadanos e Vox gañaría as próximas eleccións do 10 de novembro, segundo as sondaxes que publican este luns os xornais ABC, La Razón e El Español, aínda que os de El Mundo e Infolibre darían a vitoria ás esquerdas, PSOE, Unidas Podemos e Más País. As enquisas deste luns son as últimas que se poden divulgar antes das eleccións do domingo.

Segundo os resultados destas sondaxes, ningún dos dous bloques obtería a maioría absoluta para gobernar (176 parlamentarios), xa que ABC dá entre 158 e 161 escanos ao PP, Vox e C's, e entre 151 e 157 á esquerda; La Razón estima que as dereitas sumarían entre 153 e 163 deputados e as esquerdas entre 150 e 158; e El Español, entre 150 e 166 e entre 147 e 162, respectivamente.

O xornal El Mundo sitúa como gañadores os partidos do bloque de esquerdas, con entre 157 e 170 escanos, e ao de dereitas dálles entre 144 e 160, mentres que Infolibre apunta unha maioría de entre 160 e 172 escanos para PSOE, Unidas e Más País, fronte aos entre 146 e 160 que sumarían PP, Vox e C's, xunto a Navarra Suma.

O barómetro ABC/ GAD3, que estima a participación no 70,5 %, outorga o 27,4 % dos votos ao PSOE, co que sacaría entre 120 e 123 deputados, cando nas anteriores eleccións de abril logrou o 28,7 % de sufraxios e 123 escanos. O PP, que en abril sacou 66 deputados, o vindeiro domingo obtería o 21,6 % de votos e entre 92-95 parlamentarios; Vox, o 14,9 % e 49 escanos, 25 máis; Unidas Podemos, o 11,2 %, e entre 28 e 31, cando en abril alcanzou os 42, e C's derrúbase co 8 % dos sufraxios e 15 escanos, 42 menos. O novo partido de Íñigo Errejón, Más País, tería o 2,8 % de votos e 3 deputados, e o resto de partidos que concorren ás eleccións, o 13,2 %, entre 37 e 40, aínda que nas anteriores obtiveron 38.

A sondaxe de La Razón prognostica unha participación do 67,1 % e daría o 27,3 % de votos ao PSOE e entre 114 e 122 escanos; ao PP, o 22,7 % (99-107); a Vox, o 12,2 % (37-39); a Unidas Podemos, o 12,1 % (32); a C's, o 8,8 % (15); a Más País, o 3,5 % (4); a Navarra Suma, o 0,5 % (2) e ao resto de partidos minoritarios 38. ERC, 15; JxCAT, 7; PNV, 6; EH Bildu, 4; CC/ NC 3; CUP,2 e PRC,1.

El Español estima que o PSOE obtería o 25,1 % dos votos (110-119 escanos), e o PP, o 20,6 % (93-100), e apunta que só a suma destas dúas forzas políticas garantiría a maioría absoluta, á vez que destaca que Vox, o partido liderado por Santiago Abascal, lograría o 14,3 % (42-48). Engade que Unidas Podemos conseguiría o 12,9 % de sufraxios e entre 36 e 40 deputados; Ciudadanos, o 8,5 % (15-18); Más País 3,9 % (1-3) e o resto de partidos minoritarios o 14,7 % (32-43). 

Segundo El Mundo, cuxa enquisa estima unha participación do 72 %, o PSOE sacaría o 27,9 % dos votos e entre 118 e 126 escanos; o PP, o 20,3 % (89-97); Vox, o 13,2 % (39-44), e C's, o 8,9 % (16-19). Más País tería o 4 % dos sufraxios e 4 deputados; ERC, o 4 % (13-15); PNV, 1,4 % (5-7): JxCat, 1,2 % (4-6), e o resto de partidos o 5,6 % (9-13).

A sondaxe de SW Demoscopia para Infolibre prognostica que o PSOE volvería gañar as eleccións cun abano de entre 123 e 128 escanos, aínda que sinala como resultado máis probable 126 deputados. Ao PP dálle 89 asentos dentro dunha franxa que vai de 88 a 93, e sitúa Vox como terceira forza con 44 nunha faixa de entre 41 e 46 deputados, mentres que Unidas Podemos obtería 36 dentro dun abano de entre 34 e 38. C's quedaría con 16 (cunha franxa de 15 a 19) e Más País estrearíase con 4 escanos (3-6).

As enquisas en Galicia reflicten un empate técnico entre o PSdeG e os populares galegos. Ademais, ven o BNG con posibilidades de voltar ao Congreso.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/11/2019