CRTVG

Buscar

As treboadas seguen golpeando Galicia tras causar estragos en Brión

Publicado o 01/06/2020 21:35

Unha intensa treboada rexistrouse esta tarde en varios puntos do interior da provincia da Coruña, onde se mantén activo o aviso amarelo por fortes precipitacións. Chuvia que causou danos, por exemplo, no concello de Brión, onde provocou o asolagamento de sotos e establecementos comercias, como este hotel, situado ao pé da estrada. Houbo tamén corremento de terras que cortou o tránsito por camiños rurais e mesmo o acceso a vivendas.

Á falta dunha escavadora, o dono dunha casa esfórzase por abrirse paso entre o río de lama que lle atoou a entrada da vivenda.

Foi unha treboada que ata aos maiores lles custa lembrar algo igual.

A auga arrastrou a terra fresca recentemente sementada desta leira e correu libre fóra das levadas ata o punto máis baixo do lugar, que é esta casa.

Non lama, pero si follas e auga a moreas entraron pola porta principal deste establecemento. O sumidoiro non deu aliviado o enorme caudal e chegou ata as salas interiores.

Mesmo a piscina, que antes da treboada lucía cristalina, quedou como unha charca lamacenta. O local preparábase para abrir axiña, cando o permitise a desescalada.

O ceo non dará descanso ata as doce da noite, cando se prevé que desapareza o aviso por chuvia intensa declarado no interior da provincia da Coruña.

Noticias web

01/06/2020

Máis sobre Brión