CRTVG

Buscar

As salas de concertos reivindícanse como espazos culturais e piden axuda

Publicado o 26/10/2020 14:17

A mítica sala de concertos Forum Celticum, de Culleredo, tamén pecha. Con ela, van tres este mes en Galicia. O anuncio coincide coa entrada en vigor do toque de queda, un obstáculo máis ao negocio da música en vivo. Os afectados apelan á súa condición de espazos culturais.

A través das redes sociais, a sala Forum Celticum de Culleredo confirma o ruxe ruxe que inquedaba os seus seguidores: apaga as luces e pecha as portas para sempre tras algo máis de dúas décadas de música en directo.

Hai só días que outras dúas salas de referencia en Galicia botaron tamén o peche: a Contrabajo de Vigo e BaBa Bar da Coruña.

Tomi Legido, programador da sala Mardi Gras: "Se xa a situación era complicada, agora temos a sensación de que isto vai para longo, que os nosos horarios habituais de programación son incompatibles cun toque de queda ou como lle chamemos".

Mardi Gras, con outros 20 anos ás costas, resiste pero a porta pechada, coa programación adiada ata 2021. Ven incompatible a adaptación do seu espazo ás condicións actuais de ocupacións e de horarios e reivindican a música en directo como actividade cultural.

Tomi Legido, programador da sala Mardi Gras: "Nós fixemos un investimento, mercamos cadeiras para todo o mundo, sinaléctica... Consideramos que nalgún momento haberá que buscar o equilibrio entre a seguridade e seguir coa cultura".

Piden axuda para resistir, pero non só ás institucións públicas. Promoven tamén a opción do mecenado.

Tomi Legido, programador da sala Mardi Gras: "O mundo da cultura, da música, dálle traballo a moita xente tamén. Agardamos que se nos axude. Eu reclamo moito a axuda de mecenas privados, de empresas ás que lles vai ben durante a pandemia, que tamén as hai".

Tamén demandan unha maior precisión na normativa, que se especifiquen con claridade as  correspondentes a cada tipo de espazo.

Noticias web

26/10/2020