CRTVG

Buscar

As rebaixas apuran os últimos días con resultados irregulares debido ao tempo

Publicado o 19/08/2019 14:35

As rebaixas entran na súa recta final. Unha campaña que foi intermitente, proporcional ao tempo que estamos a ter neste verán. Así polo menos opinan os pequenos comerciantes."O tempo foi moi intermitente e ao igual que o tempo foron os ingresos, porque a verdade é que compramos cando temos necesidade e loxicamente se vai moito sol compras unhas sandalias, pero se está a chover nin compras botas porque xa as tes, nun compras sandalias. Entón foi un pouco irregular para todos", di  Xosé Manuel Castro Fuentes, presidente da Asociación de Comerciantes da rúa Barcelona da Coruña.

 
E nótase que o tempo non animou moitos consumidores a investir moitos cartos nestas rebaixas. "Un pouco si, pero máis ben case xa empezamos a coller cousas de inverno, porque co tempo que vai pouco podemos comprar" "Sempre algo compro, pero pouquiño".

Os comerciantes teñen aínda a esperanza de que veña un bo mes de setembro, por iso algúns, aproveitando que o período de rebaixas xa non está regulado, van prolongalas polo menos os primeiros quince días do mes que vén. Con descontos, aseguran, que superan a súa marxe de beneficios. "Podemos ofrecer as últimas cousiñas a uns prezos moi interesantes para os clientes. É verdade que os grandes xa emperezaron co outono no mes de xullo, estas cousas que teñen eles. De momento imos aguantar un pouquiño máis e incorporando pouco a pouco as pezas de temporada de outono-inverno", di Xosé Manuel.

Os pequenos comerciantes sinalan tamén que a liberalización de horarios no comercio prexudica este sector fronte ás grandes empresas e ás grandes superficies. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/08/2019