CRTVG

Buscar

O presidente do Ecuador leva o goberno fóra da capital polas protestas dos indíxenas

Publicado o 08/10/2019 17:05

Os enfrontamentos no Ecuador recruaron nas últimas horas coa chegada de miles de manifestantes indíxenas a Quito, o que provocou a evacuación do Palacio presidencial e o traslado da sede de Goberno a Guayaquil.

As estreitas rúas do centro histórico volveron converterse nun campo de batalla entre manifestantes de distintos grupos e a policía, coa queima de pneumáticos, lanzamento de pedras, cócteles Molotov e destrución masiva de propiedade pública, constatou Efe.

Como nas da semana pasada, nas protestas deste luns tamén tomaron parte grupos de esquerdas, sindicalistas e mozas de distintas afiliacións políticas de oposición, aos que se sumaron os primeiros indíxenas que conseguiron chegar a Quito.

A súa chegada á avenida 10 de Agosto, á altura de San Blas, con dirección á zona antiga, conduciu ao inevitable choque con centos de axentes da orde a pé e a cabalo, que lles lanzaron gases lacrimóxenos e trataron de cortarlles o paso cara á Presidencia. Escenario de fortes disturbios foi a emblemática praza de Santo Domingo, a uns centos de metros da presidencia e da que a Policía debeu retirarse ante o insistente avance dos manifestantes.

Polo momento non se informou de se se produciron vítimas, e a confusión continuaba en toda a zona no medio das denuncias pola violenta actuación das forzas da orde nos últimos días. As protestas comezaron pouco despois de que forzas militares evacuasen o Palacio de Carondelet, e trasladasen a Guayaquil ao presidente Lenín Moreno.

Desde esa cidade, o mandatario compareceu ante a cidadanía por televisión e radio para pedir calma e tender a man aos grupos sociais, á vez que acusaba ao expresidente Rafael Correa, dun "intento de golpe de estado".

"O que sucedeu non é unha manifestación social de protesta fronte a unha decisión de Goberno. Aquí hai unha manifestación política para romper a orde democrática", dixo antes de lanzar os dardos aos seus tradicionais opoñentes estes dous últimos anos.

Na súa mensaxe, Moreno compareceu rodeado polo vicepresidente Otto Sonneholzner, o ministro de Defensa Oswaldo Jarrín, e catro xerais en uniforme de combate.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/10/2019