CRTVG

Buscar

As probas de saliva no persoal da residencia de Gondomar permitiu detectar o gromo de xa 105 casos

Publicado o 26/11/2020 20:00

Están infectados 89 dos 120 usuarios do xeriátrico

Oitenta e nove dos 120 usuarios da residencia Vila do Conde de Gondomar están infectados con coronavirus. Un deles tivo que ser ingresado no hospital Povisa e, segundo fontes do centro, o seu estado é crítico pero estable.

"O resto de positivos permanecen illados nas salas covid que temos previstas no plan de continxencia. Permanecen estables e as familias están sendo puntualmente informadas", explicaba Diego Viñas, o director do xeriátrico.

Tamén están infectados 16 traballadores do centro, que foron substituídos por compañeiros que estaban de días libres ou de vacacións. As alarmas saltaron ao detectarse un positivo no chamado pooling, o agrupamento de mostras de saliva que fai o SERGAS aos traballadores das residencias de maiores. As probas PCR confirmarían nos seguintes días a gravidade do gromo.

Este caso elevou a 660 os positivos nas residencias de Galicia. A noticia chega nunha xornada de melloría dos datos epidemiolóxicos na comunidade autónoma.

Pontevedra e Ribeira, entre as vilas baixo a lupa do comité clínico

Aínda que as restricións comezan a dar resultados, ao comité clínico preocúpalle que non está sendo así en Pontevedra.

"Estanos custando estabilizar o número de casos e a incidencia a catorce días", recoñecía a doutora Varela Durán, xefa de Anestesia da área sanitaria e membro do comité clínico que asesora á Xunta.

Isto obrigará a manter as máximas restricións en Pontevedra polo menos outras dúas semanas. En Ribeira, un dos concellos baixo vixilancia polo aumento dos casos, o alcalde fai un chamamento a intentar evitar o peche cumprindo as normas.

"Agora está nas nosas mans, de cada un de nós, a saúde e a economía do concello" aseguraba Manuel Ruíz.

Canda Ribeira, o comité clínico tamén mantén baixo vixilancia especial os concellos de Dumbria, A Lama, A Rúa de Valdeorras e Petín.

Noticias web

26/11/2020