CRTVG

Buscar

As pernoitas hoteleiras soben un 7% en Galicia no mellor setembro da serie histórica

Publicado o 23/10/2019 11:43
As pernoitas hoteleiras soben un 7% en Galicia no mellor setembro da serie histórica

As pernoitas hoteleiras subiron un 7% en setembro en comparación co mesmo mes de 2018, ata alcanzar un total de 1.039.954, segundo os datos que publica este mércores o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Esta cifra total de pernoitas supón a mellor nun mes de setembro en Galicia desde que hai rexistros (1999). Só en 2017 chegou a superarse a cifra do millón, aínda que daquela non chegou ao tope actual. E contrasta co descenso de media no Estado (-0,6%).

Os hoteis galegos tiveron 528.283 viaxeiros, un 7,4% máis ca un ano antes. Neste caso tamén supón o mellor dato nun mes de setembro (uns 500 máis que o récord de 2017).

Con todo, a estancia media non conta con variación respecto de hai un ano e queda á beira dos dous días por viaxeiro. Está por baixo da media española (3,4 días).

A ocupación, á alza

O grao de ocupación por praza nos hoteis galegos é do 50,5%, o que supón tres puntos máis ca 12 meses antes. Supón a quinta máis baixa entre comunidades. Á cabeza están as Baleares (no 80,7%), mentres na cola está Castela-A Mancha (36,7%).

En Galicia hai 1.639 establecementos abertos (18 máis que un ano antes), con 36.655 cuartos. A tarifa media diaria é de 60,5 euros (+3,8%), lonxe da media estatal de 94 euros. Os ingresos medios por habitación son de 33,6 euros (a media está en 71,8 euros).

O persoal co que contan os hoteis galegos tamén se incrementa, de forma que hai 8.552 traballadores, uns 600 máis dos que había no noveno mes de 2018. 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí