CRTVG

Buscar

As pernoitas hostaleiras afúndense un 60% en Galicia no peor setembro desde que hai rexistros

Publicado o 23/10/2020 10:39
As pernoitas hostaleiras afúndense un 60% en Galicia no peor setembro desde que hai rexistros

Galicia rexistrou un total de 414.237 pernoitas hostaleiras en setembro, o que supón un afundimento do 60% respecto a as máis dun millón que houbo no mesmo mes de 2019. Segundo os datos que publica este venres o Instituto Nacional de Estatística (INE), a crise do coronavirus deu lugar ao peor setembro en Galicia desde que hai rexistros (desde 1999). 

Ademais, estas pernoitas en establecementos hostaleiros galegos son menos da metade das 924.618 de agosto. Con todo, a caída interanual do 60% en Galicia é inferior á media do 78,4% que se produce no Estado. Pola súa banda, en setembro houbo 209.612 viaxeiros, o que se traduce tamén nun retroceso do 60% na comparativa interanual. Respecto a agosto, supón pouco máis da metade dos máis de 400.000 que chegaron a Galicia. Igualmente, son as peores cifras nos últimos 20 anos.

A estancia media sitúase en 1,98 días, similar á do ano anterior. Mentres, o grao de ocupación por praza cae ata o 23,4%, lonxe do 50% de hai un ano. Pola súa banda, descenden os establecementos abertos e quedan 1.391 (eran 1.638 en setembro de 2019). 

Finalmente, a perda de empregos é do 30%, xa que en setembro de 2019 había 8.418 persoas contratadas e no mesmo mes deste ano son só 5.898, un baixada de 2.520.