CRTVG

Buscar

As oposicións paralizadas pola pandemia volven en outubro, agás Educación e Sergas

Publicado o 12/06/2020 19:18
As oposicións paralizadas pola pandemia volven en outubro, agás Educación e Sergas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a resolución pola que se renova a realización de probas selectivas presenciais a partir do próximo 1 de outubro para os procesos selectivos xa convocados no ámbito da Administración Xeral e atrasados pola situación sanitaria.

A resolución afecta todos os procesos selectivos con excepción dos correspondentes ao persoal docente de educación e ao persoal do Sergas.

A resolución recolle tamén que o tribunal de cada proceso selectivo publicará no DOG e no portal web da Dirección Xeral da Función Pública a data de celebración dos exercicios pendentes cunha antelación mínima dun mes.

A Consellería de Facenda do Goberno autonómico propúxolles o pasado mes de abril ás organizacións sindicais renovar no último trimestre do ano a realización das probas selectivas dos procesos da Administración Xeral xa convocados.

Entre os procesos selectivos iniciados antes da declaración do estado de alarma están os do corpo superior de finanzas; o corpo superior de sistemas e tecnoloxías da información; enxeñería agronómica; enxeñería de montes; enxeñería de camiños, canles e portos; letrados; subinspección urbanística; enxeñería técnica agrícola; enxeñería técnica forestal ou enxeñería técnica de obras públicas, todos eles de acceso libre.

En canto á promoción interna, a resolución afecta o corpo superior de sistemas e tecnoloxías da información e ao corpo de xestión de sistemas de informática.