CRTVG

Buscar

As medidas de seguridade continuarán entre os vacinados que recibiron a segunda fase da inmunización contra a covid-19

Publicado o 17/01/2021 15:09

Sobre as oito desta mañá a valixa coas vacinas de Pfizer contra o coronavirus chegaba ao xeriátrico Porta do Camiño en Santiago de Compostela. Alí esperaban xa os primeiros residentes, do total de 65 anciáns e 90 traballadores deste centro asistencial que serían os destinatarios da segunda fase da inmunización ao longo deste día.

Nieves Cabo, a primeira galega en completar a vacinación, atendía os medios tras recibir a segunda dose: "Estou ben, fun a primeira da outra vez e fun a primeira desta. Levantáronme as sete da mañá e ás oito e media xa estaba eu aquí. Moi contenta. E dígolle a todo o mundo, de corazón, que dean a vacina, que é a mellor cousa que hai".

Esta brionesa recibiu no mes de decembro a primeira a dose da vacina e hoxe completaba o proceso de inmunización, do que recoñecía que non lle producira reacción adversa ningunha: "Non doe nada, se doese aínda ben, pero non a sentes nin sequera. E oxalá faga algo, oxalá mate ese bicho, porque iso é moita xente que morre".

Dende a dirección da residencia aseguran que a vacina non vai facer que se relaxen as normas sanitarias, e que as máscaras e as medidas de hixene seguirán vixentes.

Vanesa Castro, directora da residencia Porta do Camiño (Santiago de Compostela): "Imos seguir coas máscaras, coa separación, coas quendas do comedor, cos grupos de residencia. Iso ata que haxa inmunidade non se pode sacar".

O proceso de vacinación repetirase en toda Galicia nos vindeiros días, centrándose nos grupos máis vulnerables, coma os usarios e os traballadores dos centros da terceira idade.

Noticias web

17/01/2021