CRTVG

Buscar

As medidas contra o coronavirus chegan á misa

Publicado o 04/03/2020 14:32

Na parroquia de Momán, en Xermade, as medidas para evitar os contaxios por coronavirus chegan ata a igrexa da man do seu párroco. Medidas que pasan polo seu propio lavado de mans antes de dar a comuñón, por limitar os bicos que lles dan os fieis aos pés do Cristo durante a Semana Santa e mesmo por pedirlles aos fregueses que se dean a paz cunha chiscadela de ollo ou mandando bicos polo aire. Luís Ángel Rodríguez di que cambia a liturxia por responsabilidade, e en previsión de que a Semana Santa e as festas patronais van traer ás súas parroquias moitos forasteiros.

Luís Anxo Rodríguez Patiño, o cura de Momán, ten parroquias en catro concellos de dúas provincias, na Coruña e en Lugo. E tomou a determinación de advertir a todos os fregueses de que contra o posible contaxio por coronavirus hai que tomar precaucións. 

"Sobre todo, agora que está chegando o tempo das comuñóns, chega o tempo das festas patronais, e tamén chega a Semana Santa, date conta de que nas festas patronais e nas comuñóns na Galicia interior non hai familia que non teña xente fóra", explica.

Xente emigrada no centro de Europa ou noutras zonas do Estado onde, di, xa se deron casos de infeccións. Por iso, non lle treme a man e se hai que cambiar a liturxia, pois cámbiase, empezando por el mesmo.

"Moitos dos cregos non o faciamos, lavar as mans antes do ofertorio, lavame doni pecata, pois é unha maneira preciosa de tocar os libros e de tocar todo lavándose un pouco tamén".

E tamén ten unha proposta para dar a paz, pero gandando distancias: "Cando ves alguén desde lonxe dás unha chiscadela, botas a man, dás un bico", pon como exemplo.

Restrinxirá ademais os bicos ao crucifixo no Venres Santo. Di que as igrexas son pequenas, que nas zona rurais hai persoas maiores e que cada axente pastoral ten a responsabilidade de preservar a saúde, e non só a saúde moral, da súa parroquia.

Noticias web

04/03/2020