CRTVG

Buscar

As marquesiñas en Galicia, un catálogo do máis variado

Publicado o 25/03/2019 19:58

En realidade son dous os modelos que propón a Xunta. Un para o rural e outro para a cidade. Esta en que estamos é o modelo urbano. Está feita de aceiro, vidro e madeira de piñeiro. O Goberno galego vai adxudicar a fabricación de 180 exemplares para instalar ao longo deste ano. A Xunta non pode impoñer o cambio de marquesiñas en todo o territorio, pero si pretende crear unha tendencia e animar os concellos a que se sumen a esta idea. Lembremos que en moitos concellos de Galicia podemos atopar ata cinco modelos diferentes de marquesiñas. 

Hai 30 anos colocouse este refuxio en Teo para que os nenos se abrigasen mentres agardaban o bus da escola. Hoxe serve apenas para inmortalizar a obra dun misterioso grafiteiro.

Varias xeracións de escolares lembran tamén este modelo de lata que aínda atopamos nas estradas de Ourense. Xa case non quedan nenos aquí en Leiro, pero dá pena desfacerse dunha marquesiña que ten impresa unha declaración de amor.

Tamén pensaba na eternidade a muller que deseñou esta marquesiña no concello da Estrada. Elena aproveitou a ampliación dun camiño para mandar que lla integrasen no muro da súa casa. 

Elena Pequeño deseñou a marquesiña que hai ao pé da súa casa: "Había unha marquesiña aquí e non me gustaba e propuxen a idea esa e aceptaron. Nós pagamos o traballo e as pedras puxéronas os da estrada e o Concello colaborou facendo o tellado e aprobaron a idea".

Galicia ten unha enorme variedade de marquesiñas. Concellos, deputacións e Xunta foron variando o modelo ao longo dos anos. Algúns lembran elementos da nosa cultura, coma estas con forma de hórreo. Outras, coma esta de San Clodio, traen un deseño vangardista a aldeas tradicionais. Unha combinación que non sempre ten éxito.

"Pero o que nos gustou foi o 'titirete'. Se cabía unha man de xente que nin sei. Como era a que había antes entón? Era toda chá con lousa. Tiña dous bancos e xuntábanse 4 ou 5 homes cando chovía e mulleres e todo. En cambio a de agora dá noxo e xa llelo dixeron. Está caendo auga por un".

Despois de moito buscar, esta é a idea que nos queda para unha marquesiña perfecta: que entren moitas persoas, que protexa do sol e da chuvía e que, a pesar dos anos, conserve a beleza.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/03/2019