CRTVG

Buscar

As familias das vítimas do Alvia lembran os seus e seguen reclamando respostas

Publicado o 24/07/2019 21:15

Hoxe cúmprense seis anos desta imaxe, o momento no que o Alvia 04145 procedente de Madrid con 220 persoas a bordo descarrilaba ao seu paso pola curva da Grandeira, en Angrois, a tan só tres quilómetros da estación de Santiago de Compostela. Un sinistro que se cobrou a vida de 80 persoas e que deixou 144 feridos. Esta mañá familiares e vítimas do accidente volveron percorrer as rúas de Santiago para reclamar xustiza e verdade.

A marcha rematou na praza do Obradoiro coa lectura dun manifesto no que piden unha reunión con Pedro Sánchez para que impulse unha investigación independente e para que se retomen os traballos da comisión parlamentaria coa inclusión dos procedementos abertos pola UE a España polo incumprimento da normativa europea de seguridade ferroviaria.

Representantes de varias formacións políticas acompañaron os familiares das vítimas durante esta marcha polas rúas de Santiago. Os partidos con representación parlamentaria na cámara galega súmanse ás reivindicacións da plataforma de afectados, e piden unha investigación independente para que poidan pasar páxina. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/07/2019