CRTVG

Buscar

As enquisas reafirman a maioría do Partido Popular na cita electoral do 12X

Publicado o 21/06/2020 17:30

Esta é a síntese do panorama electoral que perfila La Voz en portada: "Maioría absoluta de Feijóo, segunda forza o PSOE e ascenso notable do BNG". Iso si, cun significativo 30 % aínda de indecisos.

Canto a resultados concretos, o Partido Popular lograría 40 escanos (a maioría absoluta está en 38), o PSdG-PSOE 16, o Bloque 11 e Galicia en Común 8. Con respecto ao anterior tracking de La Voz, mantense o PP, baixan un escano socialistas e BNG e sobe dous Galicia en Común

Cambios na valoración de líderes nas últimas dúas semanas. Núñez Feijóo segue no primeiro lugar destacado con 6,45 e agora aproba Gonzalo Caballero cun 5. Moi preto do aprobado sitúase Ana Pontón, seguida a distancia de Gómez Reino e Pancho Casal.

Outra enquisa aparece compartida hoxe por catro xornais: El Progreso, La Región. Diario de Pontevedra e Atlántico Diario. Estes rotativos destacan que "Feijóo retería a Xunta" ou que "o PP reafirma a súa maioría e o PSdeG manten lonxe o BNG".

Na asignación de escanos, o Partido Popular lograría entre 39 e 43, un amplo abano dentro da maioría aboluta. Os socialistas obterían entre 21 e 24, o BNG de 8 a 9 e Galicia en Común de 3 a 4.

Na valoración de líderes, Núñez Feijóo obtén 6,3 puntos e algo por enriba do 5 sitúanse Ana Pontón e Gonzalo Caballero.

Contrastando as dúas enquisas, nesta última compartida polos catro rotativos melloran resultados o PP na parte alta do seu abano e claramente os socialistas con respecto á da Voz de Galicia, mentres que o BNG e Galicia en Común obteñen uns resultados sensiblemente inferiores.

Noticias web

21/06/2020