CRTVG

Buscar

As enquisas previas ao 12X prevén unha maioría absoluta do PP en Galicia

Publicado o 05/07/2020 09:29

• Núñez Feijóo lograría a súa cuarta vitoria electoral cun resultado histórico

• O PSdeG afianzase como segunda forza por diante do BNG

• Galicia en Común recolle os restos da desaparecida En Marea

 

As enquisas previas ao 12X prevén unha maioría absoluta do PP en Galicia

Os xornais ofrecen os últimos datos reflectidos nas sondaxes antes de que se celebren en Galicia as eleccións ao Parlamento de Galicia o vindeiro 12 de xullo.

Segundo os datos que aparecen hoxe en prensa, para Infortecnia (Grupo La Región e Grupo El Progreso), o PPdeG obtería entre 40 e 43 escanos; o PSdeG-PSOE sería a segunda forza no Hórreo e tería entre 19 e 21 deputados, e o BNG duplicaría a súa presenza ata lograr entre 9 e 12 actas. Galicia en Común quedaría só con catro deputados. Deixan aberta a opción a unha quinta forza parlamentaria (0-1 escanos), que ben puidera ser a Marea Galeguista ou Ciudadanos.

Datos moi semellantes son os que obtén a consultora Gesop para Prensa Ibérica (Faro de Vigo, La Opinión), que sitúan a Núñez Feijóo á beira dun resultado histórico na que sería a súa cuarta maioría absoluta cunhas cifras semellantes ás logradas por Fraga. Segundo esta enquisa, o PPdeG lograría de 41 a 43 escanos, o PSdeG-PSOE de 15 a 17, o BNG entre 14 e 16 deputados e Galicia en Común só obtería dúas actas.

Na mesma liña están as mostras que publican este domingo, a sete días do 12X, os xornais de tiraxe nacional. Así, o barómetro de GAD3 para ABC outorga 43 escanos ao PPdeG, 16 ao PSdeG-PSOE, 14 ao BNG e 2 a Galicia en Común. 

O prognóstico de Sondaxe que publica La Voz de Galicia tamén vai na mesma liña, cun PPdeG que sacaría 42 escanos cos que lograría Núñez Feijóo a súa cuarta maioría absoluta. Este estudo é o que menos marxe deixa entre a segunda e a terceira forza política en Galicia, cun PSdeG que sacaría 14 escanos, cunha lixeira vantaxe sobre un BNG que conseguiría 13 e dobraría o resultado de hai catro anos. Galicia en Común quedaría con 6.