CRTVG

Buscar

Abren os colexios electorais nos EUA; Trump di confiar na vitoria

Publicado o 03/11/2020 21:14

Hoxe é o día clave nos Estados Unidos. Os primeiros colexios electorais abriron este martes ás 6:00, hora local, para dar comezo a unha xornada histórica en que o país decide entre o actual presidente e candidato republicano, Donald Trump, ou o seu rival, o demócrata Joe Biden.

Oito dos 50 estados dos EUA (Connecticut, Indiana, Kentucky, Maine, New Hampshire, New Jersei, Nova York e Virxinia) comezaron a votar ás 6:00, hora local, mentres que algúns electores puideron depositar a súa papeleta unha hora antes en Vermont, onde os centros electorais abren entre a 5.00, hora local, e as 10.00.

Os centros electorais abrirán de maneira gradual no resto de estados, que está dividido en nove fusos horarios.

Polo de agora, as ringleiras interminables ante os colexios da costa leste confirman a participación masiva nestes comicios, nos que 97 millóns de estadounidenses xa votaron por adiantado.

É o 72% do total de votantes das anteriores eleccións, o que dá idea da participación sen precedentes nunhas eleccións moi polarizadas e incertas, das que participan moitos dos 20.000 galegos que residen nos Estados Unidos.

Así as cousas, os primeiros resultados, simbólicos, de dúas pequenas localidades de New Hampshire deixan un empate entre os candidatos.

Para o resultado definitivo haberá que agardar e todo apunta que a espera será tensa.

Por iso, de Este a Oeste moitos negocios toman medidas de seguridade ante o temor de que o escrutinio deixe disturbios nas rúas.

Neste contexto, e tras unha campaña de tensión ascendente, Donald Trump dá un último polémico golpe na mesa antes do inicio dos comicios: un exército de avogados para loitar contra o voto por correo.

O medo á covid-19 trouxo consigo un importante e xeneralizado incremento do voto anticipado e o voto por correo, que os expertos ven como maioritariamente demócrata.

Como é previsible, a grande cantidade de votos que hai que contabilizar e certificar obriga naqueles estados en que o conteo está prohibido antes das eleccións a estender o tempo de escrutinio. Isto levou o equipo de Trump a negar a validez dos votos contados alén da propia data das eleccións

As enquisas dan como gañador o seu rival demócrata, Joe Biden, pero a incerteza é máxima. Ninguén descarta unha sorpresa coma a de hai catro anos, cando tivo lugar a derrota inesperada de Hillary Clinton.

Dentro dunhas horas abrirán os colexios electorais para uns comicios, que son, sobre todo, un plebiscito respecto a Donald Trump.

A atención está posta en varios estados chave, como A Florida, Arizona, Michigan, Wisconsin, Ohio, Georgia, Pennsilvania ou Carolina do Norte, onde as enquisas non dan a vitoria a ningún dos candidatos con rotunda claridade.

Trump confiado na vitoria

O presidente de Estados Unidos, Donald Trump, mostrouse este martes confiado na súa vitoria durante a xornada electoral e insistiu en que non se declarará vencedor prematuramente, como auguraron algúns medios de comunicación.

Trump iniciou a xornada cunha entrevista telefónica co programa de televisión "Fox& Friends", da cadea conservadora Fox, na que dixo que ten unha "firme posibilidade de gañar" e estar na Casa Branca catro anos máis, a pesar de que as enquisas dan vantaxe ao seu opoñente demócrata, o  exvicepresidente Joe Biden.

O gobernante expresouse satisfeito coa gran afluencia de seguidores que asistiron aos seus actos de campaña nos últimos días electorais e dixo sentirse "moi ben".

Dirixíndose aos indecisos que aínda non saíron hoxe a votar lembroulles que a economía do país ía moi ben ata a chegada do coronavirus no primeiro trimestre do ano. "Construímos a mellor economía do mundo. Foi horriblemente interrompida por algo que nunca debería suceder", apuntou.

Defendeu a súa xestión da pandemia, que ocasionou máis de 231.000 mortes no país, e sinalou que se salvaron numerosas vidas co peche da economía no principio do ano.

Insistiu nas súas críticas ao seu opoñente demócrata e apuntou que, de gañar as eleccións, Biden non será capaz de evitar que a á máis radical do seu partido fágase co mando. "Joe vai ter problemas, non poderá manexalos", dixo Trump aludindo ao senador independente Bernie Sanders, que foi aspirante ao nomeamento presidencial demócrata, e ás congresistas hispana Alexandria  Ocasio-Cortez; a musulmá de orixe somalí Ilhan Omar; Rashida Tlaib, de orixe palestina; e á  afroamericana Ayanna Pressley.

Trump tamén culpou aos demócratas do ambiente tenso que se vive nestas eleccións, nas que en numerosas cidades os comercios protexeron os seus escaparates con ferros de madeira ante a posibilidade de que se produzan disturbios en resposta ao resultado das eleccións.

Noticias web

03/11/2020