CRTVG

Buscar

As discrepancias en Ferrol en Común derivan en tres candidaturas

Publicado o 10/01/2019 15:14

As discrepancias dentro da liña política de Ferrol en Común foi unha constante no goberno de Jorge Suárez. Tres baixas no grupo municipal, formado por seis concelleiros dunha corporación de 25 e a división en tres candidaturas distintas que concorrerán aos próximos comicios municipais.

Os impulsores de Xuntos Actúa e da Marea de Ferrol xustifican as súas discrepancias no incumprimento do programa co que concorreron ás eleccións. 

Carlos del Río, candidato de Xuntos Actúa: "O que nos levou foi o desencanto coa política que fixo Ferrol en Común. Tiven rozamentos co Goberno municipal e decidimos que se non estaba cumprido o programa temos máis posibilidades indo en solitario dado o desgaste que ten este goberno".

Un posicionamento que non comparte Jorge Suárez. Di que o proxecto de Ferrol en Común segue estando vivo: "É perfectamente respectable o que digan. Non son os nosos adversarios. Nós temos o punto de vista noutro lugar que é facer día a día o traballo e conseguir o mellor para a cidade de Ferrol".

A remunicipalización dos servizos públicos e a taxa que pagan os ferroláns polo saneamento están entre as principais discrepancias entre os que compartiron siglas hai catro anos.

Noticias web

10/01/2019