CRTVG

Buscar

As denuncias por ocupación ilegal aumentan un 34 % en Galicia

Publicado o 13/10/2020 15:33

Galicia foi a comunidade en que máis aumentaron este ano as ocupacións ilegais. Segundo as estatísticas do Ministerio do Interior, en todo o primeiro semestre de 2020 denunciáronse aquí 79 ocupacións, fronte ás 59 do ano anterior. Son apenas o un por cento das de todo o estado, pero aquí supoñen un aumento de case o 34 % respecto dos datos do ano anterior. 

"Cada 1,3 días recibimos unha denuncia por ocupación. Hai que estudar as causas desa ocupación e sobre todo poñer vontade de diálogo para poder frear este fenómeno", di Ángeles Vázquez, Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.  

Vázquez reuníuse co Delegado do goberno en Galicia coa proposta de crear un marco de colaboración bilateral e estudar conxuntamente as causas e as posibles solucións a este problema.

Aínda que na rúa hai certa preocupación polos posibles problemas de conflitividade nalgúns casos de ocupación, outras persoas poñen o foco en que a ocupación ou usurpación de inmobles vai vencellada a vivendas deshabitadas e baleiras e nas causas que levan as persoas a ocupar: "Sobre todo a suciedade, e que temos medo de que calquera día se incendie porque cociñan non sei con que", comenta a veciña dun edificio ocupado en Vigo.

Outro veciño di que o que pide "é que sexan máis cívicos, que non manchen, e podemos convivir perfectamente"

A ocupación ou usurpación de inmobles refírese a vivendas deshabitadas e baleiras, así que outros poñen aí o foco: "É xusto ao contrario, hai que poñer o foco en por que esta xente ten que ocupar"

Segundo os datos do ministerio do Interior dende 2018 denunciáronse 318 ocupacións en Galicia, o que nos sitúa no posto número doce da clasificación estatal.

 

 

 

Noticias web

13/10/2020