CRTVG

Buscar

As conclusións da comisión de investigación de Angrois, no aire ante a eventual convocatoria de eleccións

Publicado o 13/02/2019 18:10
As conclusións da comisión de investigación de Angrois, no aire ante a eventual convocatoria de eleccións
A elaboración das conclusións da comisión do Congreso que investiga o accidente do tren Alvia sucedido en Angrois dependerá dos prazos que marque unha eventual convocatoria de eleccións xerais. En calquera caso, este mércores, o pleno ratificou a prórroga ata maio acordada recentemente polos membros da Mesa e os portavoces do órgano que preside o deputado do PDeCAT Feliú Guillaumes.
Con esta nova prórroga, en principio, a comisión contará con tres meses para continuar os seus traballos, coa previsión de ter aprobadas as súas conclusións para mediados de maio. Aínda ten que recibir as vítimas, ás que ofreceu unha intervención a porta pechada tras pedir elas unha última intervención en aberto. O organismo sobre o sinistro que se cobrou 80 vidas e deixou a 144 persoas feridas na curva da Grandeira, na capital galega, botou a andar o pasado 10 de xullo, case cinco anos despois da traxedia e tras estar meses varada ante a incapacidade dos grupos de poñerse de acordo sobre quen debía presidila.
O pasado luns, os ex-ministros de Fomento José Blanco e Ana Pastor protagonizaron as últimas comparecencias, en que o primeiro negou présas para inaugurar a liña e ambos cinguiron ao ámbito técnico calquera medida que puidese supoñer unha diminución da seguridade na mesma.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/02/2019