CRTVG

Buscar

As comunidades levarán a reclamación do IVE ao Consello de Política Fiscal

Publicado o 07/02/2020 08:58

• Galicia ve "prioritario" que se traten a falta de pagamentos ás comunidades

• A ministra de Facenda desvelará a nova senda de estabilidade previa á elaboración dos presupostos de 2020

• A Xunta envía o requirimento do IVE a Madrid

As comunidades autónomas están convocadas esta tarde á reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira, na que a ministra de Facenda desvelará a nova senda de estabilidade previa á elaboración dos presupostos de 2020. Con todo, inda que iso é o que está na orde do día, as rexións porán enriba da mesa a reclamación da liquidación do IVE de decembro de 2017.

O Consello de Política Fiscal e Financeira non se reunía desde o verán de 2018, cando segundo o seu regulamento debe facelo como mínimo dúas veces ao ano. Tal e como anunciaba o martes a ministra de Facenda tras o Consello de Ministros, o obxectivo da reunión é trasladar ás comunidades autónomas os novos obxectivos de déficit e débeda pública ata 2023, comprometidos con Bruxelas.

Pero inda que non está na orde do día, as autonomías porán enriba da mesa a reclamación pola liquidación do IVE. Algunhas xa ameazaron con levar a Facenda aos tribunais para esixir un total de 2.500 millóns de euros. A maioría gobernadas polo PP, pero tamén Andalucía e Castela-A Mancha, e poderían sumarse máis comunidades socialistas en virtude da resposta que dea esta tarde a ministra.

"Non hai ningún argumento xurídico para perder 80 millóns que son dos aragoneses", dicía nos últimos días o presidente de Aragón.
"Imos dar un prazo e, se non, iremos ao tribunais. Sería unha usurpación de fondos", asegurou Miguel Ángel Revilla.
"Non é un problema de ideoloxía, é un problema de obriga patrimonial. Estou obrigado a reclamar as débedas. Eu lamento que un problema de Montoro o teña que tratar hoxe a minista Montero ", dixo o socialista Emiliano García Page. 

Porque a ministra argumenta que é un problema herdado da xestión do seu predecesor, Cristóbal Montoro, que non ten solución inmediata, pero que se poden buscar entre todos medidas paliativas. María Jesús Montero respondía así ás ameazas da vía xudicial que anunciaron algunhas administracións autonómicas.

Maria Jesús Montero, ministra de Facenda: "Son unha rocha para as ameazas. Un ministerio de Facenda non pode responder conforme a presións ou ameazas. Ten que responder segundo criterios que sexan explicables e xustos".

Quen xa anunciou que non acudirá á reunión do Consello, por segundo ano, foi o vicepresidente catalán Pere Aragonés, conseller de Economía, por considerar que é un foro unilateral, e non multilateral como debería, dixo, en que o goberno o decide todo. A Generalitat vai enviar no seu lugar a número tres da Consellería.

Noticias web

07/02/2020