CRTVG

Buscar

As cacharelas iluminarán a noite de San Xoán coruñesa

Publicado o 23/06/2019 20:44

 

 

As praias urbanas da Coruña amenceron divididas en pequenas parcelas. Reservar un anaco de area implica madrugar e organizarse en quendas. O sacrificio está xustificado porque aquí o San Xoán está considerada a festa máis importante do ano. "Hai xente que quedou a durmir na praia e tiñamos medo de quedar sen sitio." "Facemos quendas para coidar a parcela, logo imos comer e dar unha volta e despois vimos á festa", comentan dúas rapazas que xa colleron sitio no Orzán.

Ao redor de cento cincuenta mil persoas celebrarán o San Xoán na Coruña e centos de cacharelas prenderanse durante a noite. A festa esténdense a moitos barrios da cidade, pero o epicentro da celebración volverá estar nas praias. Entre a do Orzán e a de Riazor xa quedou instalado o posto de mando que coordinará a seguridade. Dez cámaras, entre elas, unha de alta definición térmica, captarán todo o que suceda nos areais. "Ademais o sistema está reforzado cunha gravación e a policía ten a potestade de revisar o que pasou, por exemplo, ás dúas e media da mañá", comenta Rafael García, responsable de organización de Radio Spectrum.
A videovixilancia forma parte dun amplo dispositivo que mobilizará preto de seiscentas persoas. O baño estará prohibido a partir das dez da noite. Juan Manuel Morandeiras, suboficial dos bombeiros da Coruña, explica: "Imos estar concentrados unha ducia de persoas do grupo de rescate acuático. Estarán case toda a noite metidos na auga." 

Ao redor das once saberemos se o Depor volve á primera división e se hai dobre motivo de celebración na Coruña. O concello irá informando a través das súas redes sociais dos puntos polos que pasará o equipo se finalmente ascende na noite meiga.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/06/2019