CRTVG

Buscar

As boas temperatura e a rega están a dar moita produción de pementos en Herbón

Publicado o 30/07/2020 15:55

Así locen os campos de cultivo do pemento de Herbón, en Padrón. O sol e as boas temperaturas deste mes de xullo están a dar unha das mellores colleitas de pementos dos últimos anos. As plantas teñen todo o que precisan para que esta sexa unha gran tempada de produción.

Aínda que hai moita cantidade de produto, a crise sanitaria está a complicar un pouco as cousas. Esta fin de semana tería lugar a famosa festa gastronómica dedicada ao pemento de Herbón, que este ano contaría con moito abastecemento.

En canto ás vendas, tamén están a notar menos demanda, sobre todo por parte do sector da hostalaría, que reduciu bastante a adquisición do produto.

Nestes momentos, as plantas ao aire libre están ao 100% da súa produción, mentres que as dos invernadoiros se estancaron un pouco.

O pemento de Herbón conta coa Denominación de Orixe Protexida, por iso é importante saber distinguilo para que non nos enganen á hora de compralo. Sempre leva etiqueta identificativa que indica a procedencia.

As previsións apuntan a que seguirá indo calor, polo que, cun bo coidado, é probable que a produción de pemento de Herbón siga sendo alta.

Noticias web

30/07/2020