CRTVG

Buscar

As bibliotecas reivindican o seu labor social

Publicado o 24/10/2019 21:31

As bibliotecas reivindican o seu papel na vida das persoas e no desenvolvemento da sociedade no Día da Biblioteca, que se celebra hoxe. Desprazámonos ata a Biblioteca Nodal de Ourense, que nunha semana bota o peche, pero para mellorar instalacións.

Allea aos cambios que se aveciñan, a Bliblioteca Nodal de Ourense é un fervedoiro. Hai estudantes que veñen preparar exames, opositores, amantes da lectura, e tamén cativos, ben pequeniños, que teñen aquí o seu primeiro contacto cos libros. Hoxe toca sesión de contacontos para bebés.

"A biblioteca é máxica, tes acceso a moitísimas cousas. É espertar unha curiosidade, porque na biblioteca, os nenos non teñen as cousas de xeito inmediato", observa Ramiro Neira, contador de historias.

Viven este día da biblioteca dun xeito especial porque é o derradeiro que celebrarán aquí. O 2 de novembro pechan para trasladar os fondos ás novas instalacións. Películas, xornais, revistas... e 160.000 libros.

"Un pouco de vertixe: estaba tan cerca, tan cerca, e agora, xa está aquí", di Rosa María Díaz, directora da biblioteca.

Pechan para mellorar, para trasladarse a unha sede do trinque, despois de 41 anos en que lograron facerse indispensables para a cidade.

"A biblioteca, primeiro, é unha comunidade, un lugar de xuntanza onde a xente se reúne. E ao que aspiramos tanto aquí coma no resto das bibliotecas, é a que o consideren un fogar", asegura a directora.

Para conmemorar o Día da Biblioteca agasallaron os lectores coa súa flor: a flor do pensamento.

Noticias web

24/10/2019