CRTVG

Buscar

Comeza a temporada alta da velutina, aínda que o peor agárdase para setembro

Publicado o 30/07/2019 19:01

Comeza a temporada alta da avespa velutina, unha praga que segue avanzando en Galicia. Este ano tardaron máis en formar os niños, pero xa comezaron a multiplicarse. Din os expertos que o peor virá en setembro.

Unha primavera atípica atrasou a temporada alta da avespa velutina, que nos últimos días comeza a proliferar por todas partes. Cos niños secundarios xa feitos, prevese que o peor estea aínda por chegar, sobre todo de cara ao mes de setembro.

Esta especie invasora, que segundo os expertos non adoita comportarse de xeito agresivo fóra do niño, tamén ten preferencias á hora de elaborar a súa casa.

Cada niño de velutina acolle no seu interior a entre quince e dezaoito mil avespas. Con esta cifra non é de estrañar que os avisos se multipliquen no día a día. É o caso de Boqueixón.

Caleiros, árbores, ventás, no propio chan, a avespa velutina constrúe o seu niño nos sitios máis insospeitados.

No que vai de ano só en Boqueixón xa retiraron 50 niños de velutina, e en todo o 2018, 300. No caso de atopar un, o máis recomendable é avisar os servizos de emerxencia.

Noticias web

30/07/2019