CRTVG

Buscar

As autoridades europeas defenden que os contaxios non se producen a través dos alimentos, pero piden estremar a hixiene

Publicado o 02/04/2020 07:34
As autoridades europeas defenden que os contaxios non se producen a través dos alimentos, pero piden estremar a hixiene

A Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA), organismo da UE con sede en Parma (Italia), asegurou hoxe, en boca do seu director executivo Bernhard Url, que "as normas de seguridade alimentaria da UE xa garanten protección fronte ao coronavirus". 

Url, de orixe croata, fixo esta afirmación nunha entrevista concedida ao portal EURACTIV-Croacia; nela explica que a pesar de que o coronavirus pode sobrevivir nas superficies durante un tempo limitado, as normas de protección alimentaria nos estados membros da UE garanten un elevado nivel de salvagarda ante alimentos contaminados.

A entrevista realizouse con motivo da reunión do 75 foro asesor da EFSA, que en principio estaba prevista para onte e hoxe, de forma presencial, na localidade de Osijek, sede da axencia croata para a seguridade alimentaria, pero que debido á pandemia do coronavirus tivo que se "reconverter" nunha reunión virtual por videoconferencia.

O directivo lembrou que nestes momentos non existen probas científicas que avalen a tese de que os alimentos poden ser unha vía para a transmisión da COVID-19, tal como a EFSA deixou patente nun comunicado o pasado 9 de marzo.

"A transmisión afecta ao tracto respiratorio. Iso significa que o virus se propaga polas pingas de respiración producidas cando unha persoa infectada tose ou esbirra", subliñou Url.

Unha persoa infectada polo coronavirus pode contaminar a comida se non lava antes as mans ao preparala ou se tose sobre ela, a través desas pingas (da respiración) contaminadas. Con todo, Url apuntou que as normas de seguridade alimentaria na UE garanten un gran nivel de protección fronte aos alimentos contaminados.

As normas de hixiene, clave da prevención

En palabras do director da EFSA, a UE dispón de normas estritas que garanten a seguridade dos alimentos, e iso inclúe medidas de bioseguridade e prácticas de hixiene para todos os traballadores do sector da alimentación en Europa, un dos máis fortes do mundo.

Esas medidas, engade, xa ofrecen un alto grao de protección aos consumidores da UE ante outra clase de posibles infeccións a través de alimentos contaminados, non só fronte ao coronavirus.

"A pesar diso, nunca cansarei de subliñar a importancia de contarmos con niveis elevados de hixiene, tamén nos nosos fogares, cando estamos a preparar a comida", recalcou Url, á vez que lembrou que unhas correctas medidas de limpeza son fundamentais, non só para protexerse ante a COVID-19, senón tamén fronte a outras infeccións de transmisión aérea.     

"Todos podemos tomar algunhas sinxelas medidas de prevención, como lavar as mans e limpar todas aquelas superficies e utensilios que entren en contacto cos alimentos; lavar as mans e cociñar adecuadamente os alimentos, por exemplo", manifestou.

Ademais diso, Url dixo que o coronavirus que ocasiona a COVID-19, do mesmo xeito que outros xa coñecidos, é especialmente sensible ás altas temperaturas da  cocción.

Evitar contaminacións cruzadas

As autoridades belgas tomaron recentemente a decisión de restrinxir determinados tipos de alimentos servidos en restaurantes e cafeterías. Esa medida segue as recomendacións nese sentido da OMS, que emitiu unha serie de consellos preventivos, entre eles sobre prácticas de hixiene durante o tratamento e procesado de alimentos, cociñar a fondo a carne e evitar posibles contaminacións cruzadas entre alimentos cociñados e crus. 

Preguntado sobre que estudo científico apoia a conclusión de que a transmisión do coronavirus non se produce a través dos alimentos, Url mencionou a experiencia doutros brotes epidémicos de coronavirus similares, como a Síndrome Respiratoria Aguda Grave (SARS) e a síndrome respiratoria de Oriente Medio (MERS).

O director executivo da  EFSA tamén sinalou que tanto a OMS, como a Administración de Alimentos e Medicamentos dos Estados Unidos (FDA) comparten a mesma opinión: os alimentos non son un  vector de transmisión da COVID-19.

Con todo, Url agregou que a EFSA realiza un seguimento estreito da situación e está atenta a calquera información científica nova sobre a pandemia.