CRTVG

Buscar

Arte que transforma espazos nunha nova edición das Meniñas de Canido

Publicado o 31/08/2019 14:46

É a terceira vez que o madrileño Sfhir participa na transformación de Canido. O seu é o mural máis grande de cantos se pintan nesta edición, unha obra inmensa e animalista. "Quería visualizar o tema dos animais, darlles protagonismo. O edificio máis alto de aquí para o can, de protagonista", explica.

O proxecto das Meniñas torna os muros en lenzos e devólvelles a luz ás fachadas do barrio. Artistas nacionais e internacionais veñen ano tras ano a Canido para reinterpretar a obra universal de Velázquez e para compartir conversas co público e cos demais creadores. "Son rapaces e rapazas trans. É un proxecto que levo desenvolvendo desde hai catro anos con outros dous artistas. Fixemos unha intervención da fotografía á serigrafía e á pintura." "A xente que vén sempre pregunta, curiosea, interésase pola obra... Ademais creamos vencellos cos artistas cos que compartimos o evento." "Acóllente como na casa e a verdade é que é de agradecer. Eu encantada de participar as veces que queiran", comentan algunhas das artistas.

É un proxecto cultural do que os veciños se senten partícipes. Os nenos tamén suman as súas obras a esta galería de arte urbana. Ao redor do certame organizáronse obradoiros, exposicións, concertos e unha feira de artesanía. As Meniñas de Canido reivindican un barrio vivo e en permanente cambio.
 

Noticias web

31/08/2019