CRTVG

Buscar

Arsenio Iglesias, fillo adoptivo da Coruña

Publicado o 16/01/2020 11:25
Arsenio Iglesias, fillo adoptivo da Coruña

O pleno do Concello da Coruña aprobou este xoves por unanimidade o nomeamento do  ex- adestrador do Deportivo Arsenio Iglesias como fillo adoptivo polos seus "méritos persoais e deportivos" e polo labor desenvolto para promover a cidade.

Arsenio Iglesias Pardo xa é fillo adoptivo da Coruña tras ser aprobada a iniciativa, que contou co apoio de todos os grupos da Corporación (PSOE, PP, Marea Atlántica, BNG e Ciudadanos) e inclúe tamén o outorgamento do nome do seu nome á infraestrutura municipal Cidade Deportiva da Torre e a unha rúa da cidade.

"Arsenio dálle moito máis á Coruña que A Coruña hoxe a el, dános o privilexio da súa convivencia e o orgullo de contar para lugares aos que o seu nome lles dá lustre", destacou o concelleiro de Deportes, Juan Ignacio Borrego.

No debate, o edil do PP Roberto Luís Coira agradeceulle ao homenaxeado que conseguise "o primeiro gran título do Deportivo" e destacou que conseguiu que o club "fose o mellor embaixador da cidade da Coruña" cunha grande afección internacional.

Pola súa banda, o membro da Marea Atlántica Iago Martínez apuntou que Arsenio Iglesias "éo todo para o deportivismo de clase" e é "un sabio que non necesita pronunciar palabra", co que fixo alusión á súa soada resposta a un xornalista  tras un partido: "Moito que dicir, pouco que contar".

Mentres, a edil do BNG Avia Veira sostivo que Arsenio Iglesias é "profesional e vangardista" e puxo en valor o "merecido" recoñecemento, pois ás veces, agregou, a sociedade esquécese das persoas que están preto.

Tamén, a concelleira de Ciudadanos Mónica Martínez sinalou que Arsenio Iglesias "logrou levar o vestiario coma se fose unha familia" e facíao "de corazón", unha faceta que o facía "diferente".

O nomeamento de Arsenio Iglesias, natural do municipio coruñés de Arteixo, como fillo adoptivo foi aprobado o pasado venres pola Comisión de Honras e Distincións do Concello da Coruña.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou no pleno que a figura de Arsenio Iglesias Pardo "non require presentación na cidade", pois o seu nome está ligado aos momentos máis destacados de "ese patrimonio colectivo" que é o Real Club Deportivo da Coruña.

Así mesmo, indicou que a súa traxectoria deportiva, primeiro como futbolista e despois como adestrador, está ligada ás máis distinguidas páxinas da historia deportiva da cidade, en "vitorias obxectivas" como a da Copa do Rey de 1995 ou con "emocións colectivas" coa consecución de ascensos e permanencias.

Nesta liña, Inés Rey subliñou que todos os éxitos deportivos de Arsenio Iglesias, que tamén foi adestrador do Real Madrid ou da Selección galega de fútbol, entre outros clubs, son escasos "á beira da súa faceta humana" e da súa "forma tan peculiar" de entender o deporte e a vida.

"Non se se será suficiente pero é un recoñecemento máis que merecido", salientou Inés Rey ante familiares de Arsenio que acudiron á tribuna do Salón de Plenos do Palacio Municipal de María Pita.