CRTVG

Buscar

Arrinca a 25ª edición do OUFF con recoñecemento a Adolfo Domínguez e Dani de la Torre

Publicado o 25/09/2020 21:29


Olvido e León, de Xavier Bermúdez, é a película inaugural desta atípica vixésimo quinta edición do Festival de Cine de Ourense.

Miguel Anxo Fernández, director artístico do festival: "Teremos unha oferta que son como 100 sesións ao longo de 8 días, repartidas en 5 salas, coa intención de lle gañar a batalla ao medo, ao medo a ir ao cine".

O premio Calpurnia deste 25 aniversario foi para o modisto ourensán Adolfo Domínguez, pola súa colaboración nos inicios do festival. Recolleuno a súa filla Tiziana.

Tiziana Domínguez, filla de Adolfo Domínguez: "Para el é unha honra, meu pai sempre tivo unha espiña cravada co mundo do cine, el estudou cine a finais dos sesenta en París". 

Tamén recibiu un galardón o cineasta Dani de la Torre, Premio Ourense do festival.

Dani de la Torre, director de cine: "Moi, moi gratificante e moi bonito porque eu estudei aquí en Ourense, tiven aquí os meus primeiros contactos profesionais co cine..."

Na gala participou José García, premio Calpurnia Internacional do ano pasado, recoñecido actor francés con raíces no Carballiño, que vén de asinar un convenio para colaborar co festival ourensán.

José García, actor: "E imos tratar de traer todos os equipos aquí para descubrirlles Galicia, así que estou un pouco como embaixador de Galicia en Francia".

O festival prolongarase ata o 3 de outubro. Unha semana de proxeccións, con 10 películas a concurso e tres estreas galegas, ademais de seccións paralelas e homenaxes a Eloy Lozano e o recentemente falecido José Luis Cuerda.

Noticias web

25/09/2020